Friday 17 de May de 2024

A Xunta destaca o crecente interese das persoas maiores pola formación universitaria senior


O Goberno galego mantén un convenio de colaboración coa UNED para a posta en marcha de actividades de formación para persoas maiores

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou o crecente interese das persoas maiores pola formación universitaria sénior. Así o manifestou durante o acto de apertura de curso académico 2022-23 da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) na Coruña.

O Goberno galego colabora coa UNED da Coruña para a posta en marcha dunha oferta de estudos destinada a persoas maiores que concluíron a súa vida laboral e que cada vez demandan máis un novo tipo de formación actualizada e axeitada ás súas inquedanzas e intereses culturais. Un convenio ao que a Xunta destina preto de 15.000 euros ao ano.

Antón Acevedo lembrou que a Xunta mantén tamén convenios co resto de universidades galegas para darlle a oportunidade aos maiores para seguir formándose, alimentar a súa curiosidade e manter un ritmo de vida activo. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego seguirá escoitando as preferencias das persoas maiores para responder con programas adaptados a elas.